Representantes da Costa da Morte acudiron á presentación do Plan Nacional Xacobeo 21-22


Este xoves tivo lugar a Xornada de Presentación do Plan Turístico do Plan Nacional Xacobeo 2021, evento organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, cuxa celebración foi no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.

Nesta presentación participaron a Ministra, Reyes Maroto, o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e o al alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Ademais tamén asistiron varios representantes de diferentes concellos da Costa da Morte, como Dumbría, Camariñas, Muxía, Vimianzo, Corcubión, Cee ou Fisterra.

O plan, que xa foi presentado en Oviedo o pasado 18 de xuño, estrutúrase ao redor de cinco eixos principais de investimento: Plan Nacional de Sustentabilidade Turística en Destino Xacobeo 2021-2022 (dotado con 45 millóns de euros); Programa de Desenvolvemento de Produto Turístico (cinco millóns); Proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños de Santiago; Programa Destinos Turísticos Intelixentes; e Programa de promoción internacional.