Representantes da Laracha e Carballo asistiron en Cervo a unha xornada de Sogama sobre reciclaxe


O tenente alcalde e edil de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, representou ao Concello da Laracha na xornada orientada á implantación do contedor marrón que se celebrou no municipio lucense de Cervo baixo a organización de Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Por parte do Concello de Carballo estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos Lois Lamas. O acto enmarcouse no programa de actos en conmemoración da Semana Europea da Prevención de Residuos.

Durante a inauguración do encontro, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, lembrou que, aínda que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario.

Os participantes puideron coñecer a experiencia dos concellos de Carballo e A Laracha, pioneiros na implantación do contedor marrón, no proceso de instauración deste quinto contedor, as limitacións coas que se atoparon e como as superaron así como o desenvolvemento de campañas de concienciación social.

Para cerrar esta xornada divulgativa, realizaron unha visita guiada ás obras da planta de biorresiduos de Cervo, que dará servizo a un total de 15 concellos —14 da Mariña lucense, ademais de Mañón—, que aglutinan a máis de 69.300 habitantes.