- O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, deu a coñecer esta semana a política de residuos de Carballo no Foro Galego de Economía Circular
Este xoves o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, e seus compañeiros José Calvo Rey e Antonio Leira Piñeiro, visitaron Carballo para interesarse sobre as actuacións en materia de compostaxe.
Os representantes do goberno local reuníronse co rexedor de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, quen expuxeron as liñas básicas da súa política de xestión dos residuos, os aspectos administrativos e o funcionamento do servizo, sobre todo no que se refire ao programa de compostaxe na zona rural e á experiencia urbana ‘Ti tes a chave’.
En liña coa Estratexia Española de Economía Circular, a nova Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todas as entidades a reducir gradualmente os residuos (establecendo un calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos domésticos) a partir deste ano para concellos con máis de 5.000 habitantes e, a partir do 2024, para todos os demais. Isto obriga a todos os gobernos municipais a adoptar plans de xestión como o que ten implantado o municipio de Carballo desde hai uns anos.
Precisamente a análise da nova Lei de residuos e solos contaminados e a regulación de envases e residuos de envases centrou a primeira reunión do Foro Galego de Economía Circular, que se celebrou os días 5 e 6 en Santiago, e na que tamén se deu a coñecer a experiencia de Carballo nunha mesa na que participou o concelleiro Luis Lamas, xunto con representantes dos concellos de Santiago, Curtis e Lugo.