O Goberno checo anunciou que doará a Ucraína máis helicópteros de ataque e munición de artillería, e que contribuirá ao adestramento de pilotos ucraínos no manexo de cazabombardeiros F-16, para axudarlles a defenderse na guerra que libran no seu país, contra as tropas rusas. O primeiro ministro checo, Petr Fiala, realizou o anuncio tras reunirse co presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, que chegou a Praga por sorpresa, tras visitar Bulgaria. Zelenski previra a parada na capital checa antes de continuar co seu periplo e viaxar a Turquía este venres.
Nunha mensaxe na rede social Twitter, Fiala sinalou que o seu país, un dos principais subministradores de axuda militar a Ucraína, proverá de simuladores de voo para que os pilotos ucraínos poidan adestrarse no manexo dos F-16, tamén en chan ucraíno. O xefe do Goberno checo lembrou que desde que comezou a invasión de Ucraína por parte de Rusia, a finais de febreiro de 2022, Praga enviou aos ucraínos catro millóns de obuses de artillería de calibre medio e pesado. Zelenski agradeceu, á súa chegada a Praga, o apoio checo, tanto material como moral, e lembrou que a República Checa recibiu a moitos refuxiados que fuxiron da “agresión rusa”.