Repunte de pintadas e grafitis nos espazos públicos da Laracha

1 minutes read

O Concello da Laracha lamenta e mostra a súa preocupación tras detectarse nas últimas semanas un repunte de pintadas e grafitis na vía pública que implican danos importantes en edificios, instalacións e mobiliario urbano e un deterioro da imaxe do municipio.

Este tipo de actos vandálicos estanse a rexistrar en numerosos puntos do concello, con especial incidencia nos núcleos urbanos e, principalmente, na capital municipal. Afectan tanto a muros e fachadas de inmobles de titularidade privada en zonas residenciais como a edificios e equipamentos públicos, sendo as infraestruturas máis danadas a fachada exterior da biblioteca municipal da Laracha –cuxa superficie é de pedra, o que dificulta a eliminación das pintadas-, as marquesiñas do transporte público, os parques infantís e tamén o paseo fluvial do Anllóns e o seu entorno.

A Policía Local solicita a colaboración cidadá co propósito de identificar aos responsables da realización de grafitis, actos que están prohibidos expresamente na ordenanza municipal de promoción das condutas cívicas e protección dos espazos públicos. A infracción desta normativa implica sancións económicas de ata 3.000 euros, ademais de asumir a persoa responsable os gastos da eliminación da pintada.