Requisan 135 quilos de ameixa en Poio de furtivos

Axentes da Policía Local de Poio interviñeron un total de 135 quilos de ameixa, capturados de xeito ilegal por furtivos, mentres os repartían entre os familiares. A aprehensión produciuse o xoves e os axentes tiñan constancia de que un grupo organizado se dedicaba «a esquilmar o mar de xeito ilegal e contínuo».

Así, este caso está relacionado cunha lancha que interviñeron sen ocupantes no municipio pontevedrés hai poucos meses. A operación foi realizada diante do domicilio dos denunciados, onde repartían o bivalbo entre os seus familiares, introducíndoo dun piso a outro e a unha furgoneta alugada que se atopaba na porta. Así, procederon á intervención da mercadoría aos cinco membros dunha mesma familia, que segundo o relato policial, atentaron contra os axentes, tentaron intimidar e mesmo uns deles «alzou un pau de grandes dimensións» e «ameazounos de morte», polo que solicitaron o apoio da Garda Civil

Con todo, aprehenderon o marisco en sete sacos e procederon á identificación de cinco homes que xa contaban con antecedentes por feitos similares. Posteriormente, o marisco foi pesado e devolto ao mar coa colaboración dos gardapescas de Poio. Aos furtivos impútanlles un suposto delito contra a flora e a fauna, un suposto delito de atentado a axentes da autoridade e un suposto delito de ameazas graves, dando conta deles no xulgado de garda.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha