Requisan varios quilos de patacas de Ourol, en corentena pola couza


Axentes da Garda Civil, do Seprona e de Seguridade Cidadá, interviñeron no municipio lucense de Ourol uns 2.000 quilos de patacas supostamente procedentes da zona en corentena para erradicar a praga da couza guatemalteca.

Segundo informou a propia Garda Civil, esa mercadoría foi detectada, precisamente, no marco das inspeccións que se están levando a cabo, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, para controlar a praga da couza.

As patacas estaban envasadas en sacos e no interior de varios camións, polo que os axentes incautáronse de forma cautelar da mercadoría e trasladárona a un almacén da Xunta de Galicia en Viveiro, para que a Consellería do Medio Rural se faga cargo da mesma.

Queda por determinar a orixe da mercadoría e as responsabilidades en que poderían incorrer os que estaban á fronte deste cargamento se finalmente se demostra que as patacas procedían da zona en corentena na Mariña.