Rescatada unha muller en Entrimo tras caer e ser localizada polas coordenadas de Whatsapp

1 minutes read

O helicóptero do Servizo de Gardacostas Pesca I trasladou a unha muller que sufrira unha caída nas Pozas do Mallón, no concello ourensán de Entrimo.

O aviso chegou ao 112 Galicia a través do 112 Portugal que, ademais, sinalaba que, segundo indicaban as persoas que acompañaban á ferida, non sabían en que punto exacto se atopaban.

Así, tras poñerse en contacto con eles, para poder coñecer a localización correcta, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron as súas coordenadas a través do servizo de mensaxes instantáneos de Whatsapp.

Nada máis coñecer esta información, e xa coa localización exacta grazas a este servizo, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, ao GES de Lobios, a Protección Civil de Entrimo e á Garda Civil.

Posteriormente, o equipo sanitario solicitou a axuda do helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia para poder evacuar á persoa ferida xa que, entre o punto ata o que se podía achegar a ambulancia e o lugar no que estaba a ferida, había algo máis dun quilómetro e o traslado sería complexo.

Así pois, cos efectivos de emerxencia xa no lugar, cando chegou ao punto o helicóptero Pesca I, procedeu ao traslado da paciente ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.