Rescatada en helicóptero unha muller tras sufrir unha caída no Monte Pindo, en Carnota

1 minutes read

Atopábase nunha zona de difícil acceso polo forte desnivel; por iso, optouse por un rescate aéreo.

Así, tras un primeiro intento por terra dos Bombeiros de Cee, acudiron os rescatadores do Servizo de Gardacostas de Galicia a bordo do helicóptero Pesca I para recoller a ferida e trasladala ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, máis próximo á base do Pesca.

Segundo explicaron as persoas que a acompañaban por esa ruta polo Monte Pindo, en Carnota, a muller sufriu unha caída que lle provocou unha lesión importante no nocello. Podría tratarse dunha fractura, que lle impedía seguir camiñando.

O suceso produciuse preto das dúas da tarde deste venres, cando se recibiron no 112 Galicia as chamadas de auxilio. 

Grazas á localización por coordenadas, os equipos de emerxencias chegaron ao punto, primeiro os Bombeiros de Cee, que axiña descartaron o traslado por terra debido á dificultade do terreo. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, que xa tiñan en prealerta os rescatadores do Servizo de Gardacostas de Galicia, solicitaron a colaboración deste equipo para efectuar o rescate e traslado da ferida. 

No operativo tamén participaron os axentes da Policía Local e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.