O 112 Emerxencias Galicia recibiu o aviso de que unha sendeirista se accidentara nun pé na zona da Capela de Santa Mariña en Corcoesto – Cabana de Bergantiños-, segundo informa a Garda Civil. Por iso foron mobilizadas as patrullas de Laxe e Camariñas, os Bombeiros de Carballo, o GES de Ponteceso e os sanitarios do 061. Unha vez no punto, tras saltar o valo da zona de presa e camiñar por unha vía con abundante maleza localizaron á muller, que segundo os sanitarios sufría unha fractura de nocello. Debido a que se atopaba nunha área de difícil acceso por terra, decidiron solicitar a colaboración do helicóptero da Xunta, Pesca 1, para proceder desde o encoro á evacuación da persoa accidentada, sendo trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.