Rescatada unha muller que caera ao mar mentres estaba pescando en Muxía

1 minutes read

Esta mañá tres persoas necesitaron a axuda dos servizos de emerxencia no municipio de Muxía, despois de caer á auga mentres estaban a pescar na zona de Cabo da Buitra.

Sobre as 10:00 horas deste mércores o 112 Galicia recibiu unha alerta dunha das persoas involucradas no accidente, manifestando que todas saíran da auga polos seus propios medios excepto unha muller, que se atopaba nunha zona de difícil acceso.

De inmediato, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa colaboración dos membros de Salvamento Marítimo, que mobilizaron a aeronave para evacuar á ferida. Unha vez rescatada e trasladada ata o Aeroporto de Alvedro, a muller puido ser atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no centro hospitalario de referencia.

Ata o lugar dos feitos acudiron os axentes da Garda Civil e da Policía Local e efectivos de Protección Civil da localidade. Ademais, desde o CIAE tamén se informou ao servizo de Gardacostas de Galicia.