Os socorristas tiveron que intervir na tarde deste sábado para axudar a unha persoa en apuros na Praia de Baleo, localizada no concello coruñés de Valdoviño.
Segundo puido saber o 112 Galicia, a persoa practicaba bodyboard na compañía de outros dous amigos cando o grupo viuse arrastrado pola corrente. Malia que dous deles lograron chegar ata o areal polos seus propios medios, un dos surfistas do grupo non foi quen de facelo e acabou abandonando a táboa e subíndose a unhas rochas.
Pese ás condicións desfavorábeis do mar, os socorristas lograron chegar ao lugar onde se atopaba a persoa e sacala da auga. O equipo sanitario desprazado ata o punto en ambulancia atendeuno in situ por mor dalgunhas rabuñadas.
Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos equipos de rescate de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e aos membros de Protección Civil de Valdoviño.