Un home necesitou axuda para saír da zona rochosa á que caeu cando se atopaba na Praia de Naval, en Oleiros.
Para o rescate do ferido activouse un operativo do que formaron parte os Bombeiros de Arteixo, os membros do Servizo de Emerxencias de Oleiros, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Policía Local.
A intervención dos recursos de emerxencias permitiu acceder ao ferido para que fose atendido polos servizos sanitarios de urxencia. Así o confirmaron ao persoal do 112 Galicia despois de que se activase o operativo para o rescate do varón.
Unha vez no lugar, os equipos de intervención empregaron unha padiola para evacuar á persoa ferida ata a ambulancia do servizo sanitario de urxencia, na que foi posteriormente trasladada ao Hospital Universitario da Coruña.
Cómpre sinalar que o operativo foi activado tras recibir no 112 Galicia a chamada dun particular, acompañante do ferido, que solicitaba asistencia sanitaria urxente para o home.