Rescatadas 3 persoas despois de envorcar unha lancha en Ortigueira

1 minutes read

Tres persoas resultaron ilesas ao ser rescatadas despois de que a lancha coa que navegaban envorcase en Ortigueira, a uns trescentos metros da costa.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia recibía a alerta dos feitos a través da chamada dun dos membros da tripulación da lancha envorcada. Indicaba que as tres persoas estaban enriba da embarcación e en bo estado.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia alertou a Gardacostas de Galicia e a Salvamento Marítimo que, a través da mobilización da Salvamar Shaula, se encargou de rescatar á tripulación da lancha e de remolcar a embarcación envorcada ata o porto de Cariño.

Ademais, desde o 112 Galicia informouse dos feitos á Garda Civil, ao GES de Ortigueira, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.