Rescatado en helicóptero un sendeirista ferido en Mazaricos

Pesca 1.

O varón estaba cun grupo de persoas nas proximidades do barranco de Entíns, no concello de Mazaricos, practicando unha actividade recreativa ao aire libre, cando sufriu unha caída  nunha zona de difícil acceso.

De feito, debido á gravidade das lesións provocadas polo golpe e ante a dificultade de acceder ao lugar onde se atopaba, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención do helicóptero Pesca 1, de Gardacostas de Galicia. O ferido recibiu atención médica por parte do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, unha vez estabilizado, puido ser evacuado a bordo da aeronave de salvamento ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Ademais, co fin de prestar apoio e respaldo ao equipo médico nos labores de evacuación do sendeirista, os Bombeiros de Boiro tamén se desprazaron ao lugar dos feitos.

Un dos xestores da actividade contactou co 112 Galicia para informar do sucedido. No seu relato, indicaba que o grupo se atopaba entre a Serra de Outes e Mazaricos e  que un dos integrantes sufrira unha caída nunha zona frondosa.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, activouse un operativo que contou coa intervención dos sanitarios, que chegaron a informar da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago, dos membros de Gardacostas de Galicia, do equipo de Salvamento Marítimo, dos Bombeiros de Boiro e dos axentes da Garda Civil.

Cómpre destacar que desde o 112 pasouse aviso igualmente aos Bombeiros de Santa Comba, aos membros do GES de Muros e ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Outes e de Mazaricos.