Un traballador perdeu a vida este xoves despois de precipitarse o camión que manexaba polo desnivel dunha canteira, no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras.
Un particular alertou de que acababa de escoitar un forte estrondo e ver caer un camión pola pendente dunha canteira, no lugar de Castrelos, parroquia de Casaio.
Inmediatamente, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia facilitáronlle os datos aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, aos axentes da Garda Civil e aos servizos sanitarios.
Unha vez chegados ao lugar, os membros do GES confirmáronlle ao 112 que se trataba dunha zona de moi difícil acceso, ao ser unha pendente dunha canteira duns 500 metros de altura.
Os medios de intervención traballaron no punto, varias horas, pero debido á perigosidade do lugar e ao risco de desprendementos, tiveron que parar e retomar as tarefas ao amencer. Así, á primeira hora da mañá, os Bombeiros de Valdeorras confirmaron a localización do corpo do traballador, polo que nada se puido facer por salvarlle a vida.