Efectivos de Salvamento Marítimo buscaron sen pausa na mañán deste luns a Francisco Lema Rodríguez, un percebeiro de 59 anos que desapareceu mentres traballaba nos arredores do faro de Laxe, na Punta do Boi.
Segundo informa a Axencia Galega de Emerxencias, unha chamada desde a confraría de Laxe avisou de que percebeiros que traballaban na zona alertaron de que faltaba un dos seus compañeiros. Non saben se esvarou, se foi un golpe de mar ou que puido pasarlle porque estaba traballando só lonxe do grupo.
Inmediatamenete mobilizáronse os medios de Salvamento Marítimo e de Gardacostas de Galicia. Por terra, participan nas tarefas de busca membros de Protección Civil, da Garda Civil e da Policía Local de Laxe.
Finalmente, pouco despois das 13:00 horas, unha embarcación de baixura e os efectivos de Salvamento desde o Helimer localizaron ao mariñeiro xa sen vida. O seu corpo foi trasladado á Lonxa de Laxe pola embarcación da Cruz Vermella, á espera da presenza da autoridade xudicial que autorizase o seu levantamento para a realización da autopsia que determinará as causas da súa morte.
