Rescatado un home tras caer ao mar mentres pescaba en Camariñas


Un varón foi rescatado na tarde deste domingo despois de caer ao mar mentres pescaba nas proximidades do Faro de Cabo Vilán, no concello de Camariñas. Un helicóptero de Salvamento Marítimo evacuou ao ferido, que presentaba lesións de diversa consideración, ao Aeroporto da Coruña, onde o agardaba unha ambulancia para o seu traslado ao Hospital Juan Canalejo.

Todo ocorreu ás 16:40 horas, cando o home estaba pescando e acabou precipitándose ao mar. Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda urxente, debido a que, tras a caída, as testemuñas do suceso perdérono de vista.

Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención de Salvamento Marítimo, que enviou á zona unha dotación a bordo do Helimer. Foi este equipo quen rescatou ao pescador e o trasladou ao Aeroporto da Coruña, onde o recolleu unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Cómpre salientar que ata o lugar dos feitos tamén se desprazaron os equipos de Gardacostas de Galicia e os axentes da Garda Civil. Ademais, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos efectivos de Protección Civil da localidade, por se fose necesaria a súa colaboración nalgún momento do operativo.