Rescatado un percebeiro nas Illas Sisargas tras resultar ferido ao caer nunhas rochas


Un helicóptero de Salvamento rescatou na tarde deste xoves a un percebeiro que sufriu unha caída mentres faenaba nunha zona de cantís nas Illas Sisargas, en Malpica de Bergantiños.

Foi un compañeiro do ferido quen, pouco antes das tres e media, deu aviso ao 112 Galicia de que unha persoa resultara ferida logo de caer nunhas rochas. Nesa mesma comunicación sinalaba que se atopaban nunha zona de difícil acceso por terra.

De xeito inmediato, os xestores do CIAE-112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, a Salvamento Marítimo, á Garda Civil e á Policía Local de Malpica.

Unha vez que o helicóptero localizou ao ferido, trasladouno ata o aeroporto de Alvedro, na Coruña, desde onde foi evacuado polos servizos sanitarios ata un centro hospitalario.