Morre un veciño de Carballo ao desplomarse o andamio no que traballaba na Coruña

3 minutes read
  • Outro operario tamén resultou ferido despois de caer desde un camión en Padrón

Un traballador de Carballo morto e outro ferido despois de sufrir unha caída dende o andamio no que traballaban na Coruña

Un accidente laboral ocorrido á altura do número 14 da Avenida Novo Mesoiro, na Coruña, mobilizou aos servizos de emerxencia este mediodía. Dous operarios tiveron que ser evacuados en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña tras precipitárense dende o andamio no que traballaban e resultar feridos de diversa consideración. Roberto Carlos Trigo Lema de 42 anos e veciño de Carballo terminou falecendo sobre as 6 da tarde. O outro operario ferido resulta ser curmán do falecido, e continúa grave ingresado na UCI do CHUAC.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, foi necesaria a intervención dos Bombeiros da Coruña para liberar a un dos traballadores que se viu implicado no incidente. Ademais, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron aos xestores do 112 que, malia a que a caída da estrutura provocou a avaría de varias tubarias de gas, non chegou a producirse un escape. Por precaución, efectuouse o corte na subministración do combustible e, unha vez rematada a intervención, os servizos de emerxencia aseguraron que as medicións eran negativas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tivo constancia dos feitos ás 14:30 horas, a través da chamada de varios particulares que presenciaron o accidente. De inmediato, púxose en marcha un operativo que, ademais da intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos bombeiros da cidade coruñesa, contou coa colaboración dos axentes da Policía Nacional e Local. Os membros de Protección Civil da localidade tamén foron informados.

Operario precipitado en Padrón
Por outra banda, ás 16:15 horas, outro operario resultou ferido e tivo que ser evacuado en ambulancia ao caer dende un camión na Rúa Santiago, no concello coruñés de Padrón.

O 112 Galicia foi informado do suceso ao recibir a chamada dos servizos sanitarios, que solicitaban axuda para o traslado do traballador precipitado.

Nada máis ter constancia do accidente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasouse o aviso ao GES da localidade, á Garda Civil, á Policía Local e aos membros de Protección Civil.

Pescador ferido

Un pescador foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña tras ser rescatado na mañá deste luns despois de caer á auga na zona da Illa do Pé, na Coruña.

Ao fío das 13:15 horas de hoxe, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que solicitaba asistencia médica para un pescador ferido tras sufrir un accidente no mar. Segundo puideron saber os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, o home foi recollido por unha embarcación particular que navegaba pola costa.

Así, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos membros de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, e tamén dos axentes da Policía Local. Do mesmo xeito, informouse ao Grupo de Rescate Acuático dos Bombeiros da Coruña e Protección Civil da localidade.

Finalmente, o home puido ser atendido polo equipo da ambulancia desprazado ata o lugar máis próximo e, posteriormente, evacuado ao centro hospitalario.