Os equipos de intervención rescataron na tarde deste luns un home de 75 anos que levou un golpe mentres pescaba nunha zona de rochas no porto de Malpica.
O 112 Galicia tivo coñecemento da situación do pescador a través dunha persoa particular.
Axiña, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Policía Local, da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademais, o persoal do 112 Galicia informou dos feitos a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, aos Bombeiros de Bergantiños, ao GES de Ponteceso e a Protección Civil.
Finalmente, segundo confirmaron ao 112 Galicia os axentes da Policía Local, unha vez rescatado, o pescador foi atendido dun golpe na cabeza polo persoal sanitario e posteriormente trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
