Rescatados dous tripulantes dunha embarcación de recreo en Oleiros

1 minutes read

Salvamento Marítimo rescatou dous tripulantes dunha embarcación de recreo que envorcou fronte á costa de Seixo Branco, en Oleiros (A Coruña).

Foi un particular o que deu o aviso ao 112 Galicia pasadas as once da mañá deste martes cando dende o cumio do cantil de Seixo Branco observou que unha embarcación, tipo planadora e co nome de Flipper,  envorcaba e había dúas persoas na auga.  

Ata o lugar mobilizouse a Salvamar Betelgeuse que rescataba os dous ocupantes da embarcación. Ambos tiñan posto o chaleco salvavidas. Foron evacuados ao porto de Oza. Un presentaba síntomas de hipotermia e o outro posible rotura de costelas, polo que foron trasladados en ambulancia a un centro hospitalario. 

Ata o lugar tamén se desprazaron un barco da Armada, o pesqueiro Anagelis e a embarcación Río Xallas da Garda Civil. Por terra tamén se mobilizaron efectivos de Protección Civil de Oleiros e dos Bombeiros da Coruña.