Rescatan a unha rapaza tras caer nas pozas do Río Pedras, na Pobra do Caramiñal

1 minutes read
  • Foi necesario mobilizar o helicóptero Pesca 1 debido á imposibilidade do 061 de achegarse á vítima

Unha menor resultou ferida durante a tarde deste martes tras caer nas pozas do Río Pedras, na Pobra do Caramiñal. O 112 Galicia recibiu o aviso arredor das 18:30 horas por parte do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, que indicaban que non se podían achegar por terra ata o punto onde se atopaba a rapaza.

Debido a esta situación foi necesario mobilizar o helicóptero Pesca 1 do Servizo de Gardacostas para rescatar á vítima, que finalmente foi trasladada na aeronave ao centro hospitalario de referencia.

No operativo tamén participaron os Bombeiros de Ribeira, axentes da Garda Civil e Policía Local e voluntarios de Protección Civil da Pobra.