Rescindido o contrato da reforma do Pazo da Cultura carballés polo encarecemento de materiais

1 minutes read
  • A empresa adxudicataria xustificou a imposibilidade de acometer o proxecto polo alto prezo dos materiais

A primeira fase do proxecto integral de reforma do Pazo da Cultura vai ter que esperar un pouco máis. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a resolución, por mutuo acordo, do contrato coa empresa Desarrolla Obras y Servicios, S.L., que fora adxudicataria das obras por un importe de 409.827 euros. O motivo desta rescisión é o encarecemento dos materiais de construción, que neste caso, segundo os cálculos realizados polos técnicos, supón un 15% de sobrecusto. O Concello de Carballo estudará agora as posibles alternativas de cara a unha nova licitación porque está claro que o edificio, que este ano celebra o seu 20º aniversario, precisa unha «mellora en profundidade».

O obxectivo do proxecto deseñado polo arquitecto Javier Caamaño é facelo máis cómodo, funcional e accesible tanto para o persoal que desenvolve a súa actividade no lugar coma o alumnado do Conservatorio Profesional de Música, a Escola Oficial de Idiomas e o resto dos usuarios que desfrutan dos distintos servizos que ten o inmoble.

Ao longo destes case vinte anos, o Pazo da Cultura tense convertido nun dos «centros culturais máis dinámicos de toda Galicia», sinalan desde o consistorio. Por este motivo, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou un novo convenio de colaboración entre o Concello e a Axencia Galega das Industrias Culturais para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do primeiro semestre deste ano. Esas actividades escénicas forman parte da programación cultural que se desenvolverá nos vindeiros meses e que se presentará este martes ás 11.30 horas.