Carballo | Residentes da rúa Portugal piden solucións para circular pola vía sen dificultades

Calle Portugal_Xuntos Carballo

  • Alegan que a estreitura da rúa e os coches estacionados na mesma crean problemas para entrar e saír dos garaxes

O secretario local da agrupación Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende, achegouse ata a rúa Portugal para recoller as queixas de varios residentes da zona que atopan dificultades para entrar ou saír dos seus garaxes debido á estreitura da vía e a que «os coches aproveitan todo o espazo dispoñible para estacionar». Os veciños tamén inciden en que é «case imposible» que os vehículos sanitarios e de transporte adaptado poidan circular pola vía, así como camións ou furgonetas.

Desde a agrupación municipalista piden unha solución por parte do Concello de Carballo como que se habilite un lugar próximo ás vivendas para poder estacionar ou que o aparcamento quede restrinxido durante o día.