O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou ao comité de empresa de Alcoa de que oito parques eólicos vinculados á planta de San Cibrao obtiveron a declaración de impacto ambiental favorable no prazo establecido polo Goberno.
Cinco destes parques están promovidos por Greenalia e tres por parte de Enel, con quen Alcoa asinou contratos de subministración de enerxía renovable a longo prazo (PPA), e que, en total, suman 207,4MW.
Tanto Enel como Greenalia teñen agora a opción de estudar con Alcoa a incorporación a estas PPA doutros parques dos que obtiveron a DIA favorable, que suporían 230,5MW máis e que están fóra dos acordos subscritos. Pola súa banda, tamén lembrou que Alcoa ten a posibilidade de asinar novos contratos de subministración con outros promotores que acaban de obter a DIA positiva, cuxos proxectos suman 2000MW adicionais.
Por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Conde apuntou que en total se autorizaron 7 parques eólicos declarados excepcionais pola Administración autonómica. Cinco, vinculados a Alcoa e promovidos por Enel, que se veñen sumar aos aprobados pola Xunta, e dous de Showa Denko, no marco da PPA que ten asinada con Greenalia.