Desde mediados de setembro levaban estragados os semáforos que regulan o tráfico rodado e peonil na zona da Praza de Galicia e nas rúas Fomento, Vázquez de Parga e Barcelona en Carballo. A pasada semana o servizo quedou restablecido, aínda que con algunhas deficiencias como o habitual fallo dalgúns diodos led que conforman o proxector en si. Necesario segue sendo tomar unha determinación coa programación do situado na rúa Iglesia co Praza de Galicia e rúa Coruña, dado que habilita o paso permanente a peóns e a vehículos en precaución. Ademais de perigoso, posibilita a formación de numerosos atascos de turismos, en particular os días de feira. Tamén foi reparado o peonil que está situado na zona coñecida como Caracola, na avenida de Bértoa, onde se producen accidentes de forma frecuente. Queda pendente outro de vital importancia como é o que está fronte á Igrexa de Bértoa, onde cruza moita xente maior, particularmente se hai actos relixiosos no templo.