Resulta ferido despois de envorcar un camión sobre o seu vehículo en Santa Comba


Unha persoa resultou ferida de consideración ao envorcar un camión -de transporte de madeira- enriba do turismo que conducía.

O accidente ocorreu preto das 10:15 horas deste luns, na estrada que une as localidades de Santa Comba e Zas, á altura do punto quilométrico 3,000 da AC-404. Foi a esa hora, cando os servizos sanitarios de urxencia comunicaban ao 112 Galicia que o helicóptero medicalizado con base en Santiago se desprazaba ata o punto indicado.

A partir de aí, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, alertouse da situación aos Bombeiros de Santa Comba, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e Protección Civil da localidade.

Segundo indicou a Policía Local ao 112 Galicia, finalmente, a persoa puido saír polos seus medios do interior do vehículo, polo que, descartouse o uso do material de excarceración.

A aeronave trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia.