Unha chapa metálica de dimensións considerables que cubría a beirarrúa a distinto nivel nas confluencias da Praza de Galicia e a rúa Camiño Novo en pleno centro de Carballo foi retirada este luns.
Era unha demanda de viandantes e comerciantes da zona ao producirse tropezos e caídas de diferentes persoas en diversas ocasións, a última e máis grave o pasado día 21 de marzo cando unha señora de avanzada idade sufría unha caída levando un forte golpe na cabeza que lle producía unha brecha e chegando mesmo a desmaiarse, tal e como publicaba este medio no seu día.
Certo é que hai que agradecer a prontitude das medidas tomadas polos responsables da obra en restablecer a normalidade no nivel da beirarrúa nunha zona moi concorrida, entre outras cousas, por estar no centro do pobo e próxima a un paso de peóns.

Estado anterior da prancha metálica a distinto nivel da beirarrúa.
RÚA CORTADA:
O concello de Carballo emitiu un comunicado por medio da Policía Local no que informa que desde este luns quedou momentaneamente cortada ao tráfico a rúa San Xoán Bautista, debido á colocación dun guindastre que formará parte das obras de reforma a realizar no Museo de Bergantiños.
A reapertura está prevista, segundo as mesmas fontes, para finais de semana. Os servizos que se prestaban no edificio do Museo foron trasladados de forma provisional á Biblioteca Rego dá Balsa, en horarios de luns a venres de 10:30 a 20:30 horas e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
