As carabelas portuguesas inundan varias praias da Costa da Morte

Carabelas portuguesas na praia de Caión_Concello da Laracha

  • O veleno destes animais pode ser perigo para os seres humanos

Algúns areais dos municipios de A Laracha e Ponteceso recibiron estes días a chegada das carabelas portuguesas, as «falsas medusas» velenosas que invadiron parte do litoral galego arrastradas polo temporal marítimo dos últimos días. Concellos como Ferrol ou A Coruña decretaron o peche de varias praias por precaución, un exemplo que seguiron Ponteceso e A Laracha.

Na praia larachesa de Caión apareceron decenas destes animais nas zonas das Salseiras e do Caracoleiro, tal e como comprobaron este luns o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro Jesús Souto.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha encargouse da retirada destes exemplares, cuxo veleno pode ser perigoso para os seres humanos, polo que se procedeu á respertura da praia.

Carabelas en Niñóns e A Barca, Ponteceso

Protección Civil de Ponteceso tamén puxo en marcha no día de onte un operativo para retirar varios exemplares de carabelas portuguesas que se atopaban en Niñóns e A Barda.

O Concello decretara este domingo o peche das praias como medida de precaución pero o acceso ás mesmas xa está permitido, aínda que durante os próximos días recoméndase manter as medidas preventivas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha