O servizo municipal de control de pragas recibiu este martes o primeiro aviso do ano pola aparición dun niño primario de avespa velutina. O niño, situado nunha vivenda do Piñeiro, na parroquia de Berdillo, foi retirado e a súa ocupante, capturada. Esta primeira intervención do servizo municipal, que o ano pasado retirou un total de 646 niños entre primarios e secundarios, coincide coa posta en marcha da campaña de trampeo en colaboración cos apicultores locais.
As persoas que localicen un niño poden avisar nos teléfonos 012 e 112, ou chamar directamente ao servizo municipal de control de pragas ao 981 754 699. A retirada realizarase de xeito gratuíto nun prazo de 24-48 horas.