Retirados 795 niños de velutina no 2019 no termo municipal de Carballo

Exposición do niño viaxeiro, que pode verse no primeiro andar da Casa do Concello de Carballo

Foron 149 niños máis que o ano anterior, segundo consta no balance presentado pola empresa contratada polo Concello de Carballo para a prestación do servizo de control de pragas. No mes de decembro retiráronse 34 niños entre as 18 parroquias. As cifras poñen de manifesto que a invasión continúa malia as intensas campañas de trampeo realizadas en colaboración con apicultores/as e veciñanza en xeral.

O Concello de Carballo continuará este ano coas medidas encamiñadas a intentar frear os danos provocados pola avespa asiática, tanto intensificando o trampeo durante a primavera coma fomentando as campañas divulgativas entre distintos sectores da poboación.

Dende o ano 2017 a loita contra a avespa velutina non cesa en Carballo, estando incluída no contrato do servizo de control de pragas, e os avisos que se reciben son atendidos en 24 horas na práctica totalidade dos casos.

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao Servizo Municipal de Control de Pragas.