Retirados en Carballo un 61% máis de niños de velutina que o ano pasado por estas datas

2 minutes read

O servizo municipal de control de pragas retirou entre os meses de xullo e agosto un total de 291 niños de avespa velutina, o 82% de todos os rexistrados este ano. A presenza da especie invasora está a aumentar neste 2019, como demostra o feito de que se leven retirado un 61% máis de niños que o ano pasado por estas datas. A intensiva campaña de trampeo realizada na primavera, con 737 trampas e 12.511 raíñas capturadas, non foi suficiente para evitar a propagación da praga.
Os datos do mes de agosto revelan un novo incremento. O servizo municipal de control de pragas retirou 169 niños, 30 máis que no mesmo mes do 2018 e 47 máis que en xullo deste ano. Carballo e Sofán foron, con diferencia, as parroquias máis afectadas, con 27 niños en cada unha delas. Árbores de todo tipo, pallotes, terrazas, alpendres, muros ou silveiras figuran entre os lugares escollidos polas avespas para facer os niños, pero en agosto incluso apareceu un nunha caixa de correos.
Aínda que hai días nos que se reciben máis de dez avisos, conseguiron manter o tempo de resposta en 24-48 horas. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao servizo municipal de control de pragas. Unha vez máis insistimos na conveniencia de extremar as precaucións durante a realización de traballos nos sectores forestal e/ou agrario para evitar picaduras, xa que o mes pasado temos constancia de que 11 persoas resultaron picadas. Por iso:
1.- Antes de empezar a traballar, realiza un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras.
2.- Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
3.- No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?