Retirados máis de 2.200 niños de avespa velutina no primeiro semestre do ano

Avespa velutina_Fonte: EZSA

A Coruña é a provincia que rexistrou un maior número de niños eliminados ou neutralizados, con máis dun milleiro -1.032-, seguida dos 913 na provincia de Pontevedra. En Lugo e Ourense retiráronse 182 e 111 niños, respectivamente. Cómpre sinalar que neste terceiro ano en vigor do plan son xa 306 os concellos que se sumaron ao plan, o que representa un 98% de adhesión. Concretamente no primeiro semestre, o número de avisos recibidos ascendeu a 6.208, cunha media de 34 ao día e o 83% deles concentrados nas provincias de A Coruña e Pontevedra. Así, ao total dos niños retirados súmanse outros 3.263 que estaban inactivos, 553 casos nos que non procedeu actuar por tratarse doutras especies diferentes da velutina ou por non poder visualizarse de forma directa, e outros 64 por ser avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns da zona. O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións da empresa pública Seaga en Bergondo co obxectivo de coñecer o operativo para o control da avespa velutina.