A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo balance do Plan de loita contra a vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e destacou que o ano pasado o operativo de Seaga encargado da encomenda retirou máis de 22.200 niños.
Así o explicou durante unha reunión no Centro de Atención as Emerxencias (CIAE) 112 Galicia con representantes da empresa pública Seaga e da central de chamadas do Teléfono de Información e Atención á Cidadanía 012, na que tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.
No encontro abordouse a renovación para o próximo ano da encomenda a Seaga no marco deste Plan a través do que a Xunta ofrece unha atención centralizada e coordinada cos concellos para facer fronte ao aumento da presenza da vespa velutina en Galicia nos últimos anos. Trátase dun Plan que desde a súa posta en marcha en 2020 conta xa con 306 concellos adheridos, o 98% dos municipios galegos.
A Coruña é a provincia que rexistrou un maior número de niños eliminados ou neutralizados o ano pasado, con 10.352, seguida dos 6.899 da provincia de Pontevedra. En Lugo e Ourense retiráronse 2.918 e 2.054 niños, respectivamente. Cómpre sinalar que no terceiro ano en vigor do plan foron xa 306 os concellos que se adheriron, o que representa un 98% dos municipios da comunidade.