Retirados máis de 3.500 niños de vespa velutina no que vai de ano en Galicia

1 minutes read

O pasado 1 de marzo foi renovado en Galicia o encargo a Seaga co obxectivo de continuar ofrecendo unha solución homoxénea en tódalas zonas afectadas e acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización de niños de vespa velutina ao longo deste ano 2021, no que xa foron retirados máis de 3.500. E proba desta boa acollida é que se sumaron 15 concellos máis, polo que se está intervindo, a través de SEAGA, nun total de 300 concellos, o 96% do total.

Desde o inicio de ano o número total de avisos recibidos foi de preto de 7.000, dos cales o 86 % pertencen ás provincias de A Coruña e Pontevedra, concretamente foron retirados 1.311 niños na provincia da Coruña, 213 na de Lugo, 203 en Ourense e 1.835 na de Pontevedra.

Ademais, tendo en conta a época estival na que nos atopamos, onde se produce un incremento moi importante do número de chamadas por avistamentos de niños, a Xunta acaba de reforzar a liña específica do teléfono 012 e estender a súa cobertura a todos os días da semana entre as 8.00 e as 20.00 horas, entre mediados de xullo e outubro, xa que é a época de maior actividade destes insectos e na que se produce un aumento nos avisos de presenza de niños. Cómpre recordar que o ano pasado o número de chamadas máis elevado recibiuse no verán acadando o máximo no mes de agosto, con case 7.000 avisos.