A Concellaría de Medio Ambiente e Praias de Carballo, en colaboración cos axentes ambientais dependentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta e co servizo municipal de limpeza de praias, vén de realizar traballos de restauración ambiental na franxa Razo-Baldaio, na que apareceron nos últimos días numerosos montículos de pedras.
As praias carballesas forman parte dunha área protexida, na que podemos pasear, tomar o sol, practicar deporte ou realizar diferentes actividades, pero que, como lembran dende Patrimonio Natural, cando marchamos debemos deixalas nas mesmas condicións nas que as atopamos. No caso de Baldaio, o problema agrávase coa utilización de pedras procedentes do recheo realizado a raíz do taponamento da canle da ría, o que supón que se están introducindo na area elementos alleos ao espazo natural.
Amorear pedras non ten nada que ver cos antigos milladoiros galegos nin coa cultura zen, senón que, como sinalan dende o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), “esta moda banal e importada doutras culturas constitúe un grave atentado ao medio ambiente e á paisaxe das áreas naturais”. Estas estruturas modifican o hábitat de especies animais e vexetais, que usan rocas como refuxio ou dependen das condicións de microclima asociadas a elas, pero ademais, como indican os axentes ambientais destinados na comarca de Bergantiños, moitas veces supoñen un reclamo para outras especies alleas á praia, como os cánidos.
Seguindo as indicacións do CSIS, que piden a imposición de restricións á construción de montículos de pedras e instan a desmantelar as existentes, dende o Concello, ademais de solicitar a colaboración das persoas usuarias das praias para erradicar este tipo de prácticas, veñen de acometer, en coordinación cos axentes ambientais e coa colaboración do servizo municipal de limpeza de praias, a destrución das estruturas existentes.