Retomadas as obras de rehabilitación da Ponte Nafonso, entre Noia e Outes


Os traballos reiniciáronse tras recibir, o pasado día 26 de marzo, o visto bo da Comisión de Patrimonio da provincia da Coruña ao proxecto modificado para Ponte Nafonso que recolle unha nova configuración do peitoril, e unha vez superado o paro do transporte, que impediu retomar as obras ata o de agora por falta de subministros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retoma estas obras, iniciadas o pasado mes de agosto, neste ben catalogado patrimonialmente e cuxa execución tivo que ser suspendida temporalmente polas necesidades de modificación xurdidas durante a execución dos traballos.

Deste xeito, as obras que se están a executar comezan polas tarefas de remate dos traballos do pavimento, para pasar a colocar, a continuación, o novo peitoril.

A necesidade do cambio no proxecto inicial xurdiu no transcurso dos traballos de levantamento do firme existente, cando se viu a necesidade de elevar o pavimento para encaixar as canalizacións, o que impediu a integración estética da varanda metálica inicialmente prevista. Esta circunstancia, sumada á decisión de limitar a velocidade futura sobre a ponte, levou a valorar tamén un cambio na solución proposta para o peitoril, optando por colocar un de pedra de cantería.

Os traballos que se están a realizar buscan o máximo coidado e teñen como obxectivo a posta en valor do patrimonio histórico e cultural que significa a ponte.