Foi a primeira xuntanza con todas as partes sentadas na mesma mesa: a dirección de Endesa, os traballadores, a ministra de Transición Ecolóxica e a Xunta. E tamén a primeira en que quedaron claros os plans da empresa: Endesa di que de momento non solicitou o peche da central das Pontes, e que traballa en buscar alternativas ao carbón. Pero admite que ata o de agora non atopou ningunha viable.
A Xunta pide a intervención inmediata do Goberno central. Que tome medidas de impacto e a curto prazo para garantir unha transición ecolóxica xusta. Propón eliminar o céntimo verde ou facer reducións fiscais, que permitan que a central poida seguir funcionando.
Os traballadores e o Concello das Pontes esixen un compromiso por parte da empresa e do Goberno para que manteña o cen por cento do emprego ata que se atope unha solución de futuro.
O Goberno comprometeuse a activar unha mesa de traballo permanente, que se reunirá de novo antes dun mes. E anunciou que nas próximas horas vanse poñer en contacto cos transportistas do carbón, que levan cinco meses parados, para ofrecerlles algún tipo de solución.