Reunión da Mesa de coordinación policial contra a violencia de xénero da Laracha

Mesa Viogen, A Laracha.

A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero na que están representadas as forzas e corpos de seguridade celebrou este martes unha nova reunión no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha.

A sesión foi presidida por Ana Aldao, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, e contou coa presenza do comandante do posto da Garda Civil da Laracha -Miguel Rodríguez-, do xefe de Policía Local da Laracha -Víctor Vilanova e dunha representante do equipo de VioGén do posto da Garda Civil de Carballo -Teresa Bértua-.

De acordo á orde do día, e do mesmo xeito que nas reunións precedentes desta Mesa, foron revisadas as ordes de protección e abordadas as altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero. Tamén se repasaron os mecanismos de coordinación e os protocolos de actuación ante a detección de posibles casos desa natureza.

O Concello da Laracha mostra unha vez máis o agradecemento a todos os membros e sectores profesionais representados nas dúas mesas sectoriais sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero -a de coordinación policial e tamén a educativo-sanitaria que se reunirá a próxima semana- pola súa plena disposición para cooperar xuntos ante esta problemática social.