Reunión da Xunta co comité de expertos económicos de Galicia

2 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, reuníronse co comité de expertos económicos de Galicia para avaliar os tres primeiros proxectos tractores para reactivar a economía tras a pandemia da covid-19, a través da tecnoloxía, a biodiversidade e a economía circular e verde.

“Presentamos tres proxectos tractores deseñados co comité de expertos: viables, con demanda, que responden a unha oferta desatendida e que teñen moito que ver coa Comunidade e co obxectivo de mobilizar investimento, innovación e emprego”, aseverou.

Declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Así mesmo, subliñou que estas tres iniciativas, deseñadas no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) e que encaixan tamén no Pacto verde europeo, necesitarán de investimento privado e público –“concretamente investimentos europeos”, precisou-, ademais de ser claves para a necesaria transición cara á sustentabilidade, a dixitalización e a competitividade do tecido produtivo galego.

No tocante ao primeiro deles, o titular da Xunta aseverou que se trata dunha iniciativa para a xeración de hidróxeno verde a partir de fontes renovables, o que permitirá converter Galicia nun referente no ámbito da transición ecolóxica e aproveitar o incremento da xeración de renovables no horizonte 2030.

O segundo proxecto consistirá na implantación dun centro para o impulso da economía circular, co obxectivo de asegurar este principio na xestión de residuos para a súa transformación e valorización; axudar a que a Comunidade cumpra cos obxectivos marcados pola Unión Europea para 2030, no que respecta á reciclaxe de residuos; e garantir a sustentabilidade económica e ambiental das gandarías.

Sobre o terceiro proxecto, Feijóo destacou que o obxectivo será o de impulsar unha xestión sustentable dos bosques, co fin de impulsar a biodiversidade forestal e pechar o círculo do aproveitamento da madeira, cun centro de fabricación de fibras téxtiles a partir da madeira, que permita diversificar un sector estratéxico para Galicia.

“En definitiva, imos traballar con estes proxectos, moi importantes para Galicia. Hai un nicho de mercado que está esperando por eles e, ademais, entran dentro do Pacto verde europeo e, tamén, no instrumento de recuperación temporal para o período 2021-2024, dotado con 750.000 millóns de euros. Europa está esperando proxectos maduros, competitivos e planificados con tempo coma estes”, aseverou.