Reunión da Xunta cos concellos que integran o Protocolo de Meirama

1 minutes read

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou que a Xunta vai colaborar cos concellos que integran o Protocolo de Meirama —Cerceda, A Laracha, Ordes, Tordoia e Carral— para que poidan presentar proxectos ás axudas para as zonas de transición xusta que cumpran cos criterios de valoración e logren a máxima puntuación posible e o maior retorno para Galicia.

Segundo avanzou, a Xunta acaba de asinar os protocolos correspondentes para as zonas de Transición Xusta de Meirama e As Pontes, logo de que o Goberno aceptase incluír o concello de Ferrol nesta delimitación, algo que se viña reclamando desde hai tempo debido ao impacto no porto. “Desde a Xunta de Galicia xa temos asinado eses protocolos e imos colaborar non só co Ministerio para a Transición Ecolóxica —a través do Instituto para a Transición Xusta— senón, tamén, nomeadamente cos diferentes concellos para impulsar as actuacións e iniciativas que poidan reverter unha situación que vén lastrada polo peche da central térmica”, abondou.

Na xuntanza avaliáronse as axudas que o Goberno central vai canalizar a través do Instituto para a Transición Xusta, dirixidas a financiar proxectos de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais nos concellos afectados polo peche de centrais térmicas, como é o caso de Meirama e As Pontes.