Reunión de Gonzalo Caballero co comité de empresa de Alcoa

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este mércores unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa na que lle trasladou que o estatuto das empresas electrointensivas se fará público de xeito inminente e que seguirá traballando pola viabilidade da factoría e do emprego na Mariña.

Coa saída deste texto a exposición pública nos vindeiros días, Gonzalo Caballero puxo en valor que o goberno progresista cumpre o seu compromiso cunha medida favorable ás empresas que son grandes consumidoras de enerxía.

Así, o líder do PSdeG explicou que o documento incorporará unha batería de instrumentos de apoio á industria electrointensiva que inclúen compensacións ao CO2, PPT e ás renovables.

Ademais, Gonzalo Caballero apuntou que o estatuto que persegue abaratar os custes da factura eléctrica ás empresas de gran consumo contará con todas as garantías xurídicas e cumprirá coa normativa e coas indicacións das institucións europeas.

Finalmente, o máximo dirixente do PSdeG trasladou aos traballadores o compromiso de seguir traballando polas medidas necesarias para manter o emprego da planta, así como a importancia de manter a presión sobre unha empresa que recibiu millonarias axudas durante anos.