Reunión do alcalde de Malpica co xefe territorial de Mobilidade da Xunta


O alcalde de Malpica, Walter Pardo, reuniuse este luns con José Antonio Álvarez, xefe territorial de Movilidade e Infraestruturas da Xunta de Galicia, para expoñerlle a posibilidade de realizar unha serie de intervencións na vila malpicá, co obxectivo de aumentar a seguridade viaria no municipio.

O rexedor, e o edil de Obras, José Ángel Garrido, transmitiron as inquietudes por varios temas ao longo da contorna municipal. En primeiro termo, falouse das necesidades de aumentar a sinalización na recta de Filgueira, así como a instalación de elementos que poidan garantir a seguridade dos viandantes.

Un segundo punto que se tratou foi o da rotonda de Buño, lugar que a veciñanza emprega para acudir ao Centro Médico, por tanto, debería contar con elementos que garantan a seguridade tanto de peóns como de condutores.

Outro tema fundamental que se tratou nesta reunión foi o relativo aos centros educativos de Buño e do Milladoiro. Os membros do goberno local de Malpica trasladáronlle a José Antonio Álvarez a súa preocupación polo estado actual das infraestruturas de seguridade, ao que o xefe territorial comprometeuse a estudar un proxecto, co obxectivo de protexer ao alumnado.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mostrou a súa “satisfacción pola comprensión expresada polo xefe territorial, que entendeu a urxencia de incrementar a seguridade nos puntos propostos. Comprometeuse a estudar a viabilidade da instalación de varios pasos de peóns iluminados, e recibimos esta nova moi satisfeitos”, sentenciaba o alcalde.