- O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, volveu poñer de manifesto a urxencia de acometer sen máis demora a apertura mecánica da canle para reestablecer o fluxo mareal e evitar maiores prexuízos ambientais, económicos e sociais.
A xuntanza celebrada este martes en Santiago de Compostela estivo convocada pola directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira. No encontro participaron tamén o xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Carlos Gil; o autor do informe científico da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pablo Ramil; un técnico de Protección do Litoral da Xunta e outro do Concello de Carballo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales. A directora xeral desculpou a ausencia de representantes da Consellería do Mar, departamento tamén directamente implicado ao existir unha explotación marisqueira afectada pola interrupción da canle.
Durante a xuntanza, a representación das distintas administracións coincidiu na necesidade de abordar o problema desde unha perspectiva estrutural e de buscar a solución final dun conflito que se arrastra desde hai anos, previa realización dos estudos técnicos correspondentes. O rexedor carballés amosouse totalmente de acordo na necesidade de realizar unha intervención definitiva, pero subliñou que a prioridade inmediata non admite máis demoras: “Coincidimos na necesidade de buscar unha solución definitiva, pero nestes momentos a urxencia absoluta é reabrir a canle, do mesmo xeito que se fixo en ocasións anteriores. É un problema urxente e hai que abordalo con decisión e de forma urxente”, aseverou.
Daniel Pérez fixo fincapé no impacto directo que a colmatación da canle está a ter sobre o colectivo de mariscadores e mariscadoras, sobre a veciñanza e sobre os establecementos hostaleiros e de servizos da contorna. Así mesmo, o rexedor alertou sobre a situación do saneamento, lembrando que as augas xa tratadas na EDAR de Rebordelos vértense á lagoa coa debida autorización de Augas de Galicia, un procedemento deseñado precisamente baixo a premisa de que existe un fluxo constante e permanente de renovación de auga entre a ría e o mar que nestes momentos atópase interrompido.
Competencias e coordinacióón administrativa
A raíz do posicionamento do rexedor municipal, o debate da xuntanza centrouse en determinar que administración debe asumir a execución dos traballos de apertura. No encontro quedou de manifesto que a actuación non atinxe á Administración estatal, senón á autonómica, desde a cal consideraron que, ao existiren dereitos de explotación marisqueira afectados, a intervención debería ser canalizada a través da Consellería do Mar, previa solicitude da agrupación de mariscadores.
Ante este escenario, o Concello de Carballo reiterou a súa máxima disposición a colaborar en todo o que sexa preciso, aínda que lembrando que son a Xunta de Galicia e o Estado as administracións que ostentan as competencias, as responsabilidades e que ademais teñen a capacidade técnica e económica para abordar unha actuación destas características.
Para concluír, o alcalde fixo un chamamento á responsabilidade institucional para coordinar a intervención canto antes: “É imprescindible manter un equilibrio firme entre a conservación ambiental, o desenvolvemento do marisqueo e o aproveitamento sostible dun lugar tan sensible, pero a apertura da canle é hoxe unha necesidade inaprazable”, concluíu Daniel Pérez.