Reunión en Santiago para abordar a viabilidade do traslado da Escola Infantil de Muxía


O alcalde de Muxía, Iago Toba, e os concelleiros Olalla Benlloch e Javier Romar, foron recibidos na xerencia do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar por Perfecto Rodríguez, o xerente da entidade, e por Carmen García, xerente adxunta. O executivo muxián acudiu a Santiago de Compostela para abordar a viabilidade do traslado da Escola Infantil do municipio, actualmente situada na rúa José María del Río.

A iniciativa do goberno local tivo moi boa acollida por parte do Consorcio, destacando así o entendemento ‘mutuo entre ambas partes para levar a cabo este proxecto’, aseguran. ‘Consideramos que tanto a ubicación como o edificio actual da Escola Infantil non cumplen coas necesidades básicas das crianzas. É unha problemática que leva máis de 12 anos sen atopar solución’, advirten desde o goberno local.

Así, desde o Consorcio Galego, transmitiron o seu compromiso para ‘trasladar un equipo técnico ata Muxía e analizar así con detemento a viabilidade deste proxecto’, subliñan. Así, Carmen García acudirá ao municipio muxián a vindeira semana, onde se volverá reunir co equipo de goberno para darlle continuidade á iniciativa e analizar tamén a viabilidade desde o punto de vista técnico’, anotan.

O alcalde, Iago Toba, quixo trasladar o seu ‘agradecemento ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar por ternos recibido e atender con tal predisposición as nosas demandas. Estamos seguras e seguros de que é un primeiro paso para darlle luz verde a unha nova Escola Infantil en Muxía’, remarcou.

Pola súa banda, tanto Perfecto Rodríguez como Carmen García sinalaron o seu ‘compromiso total en materia de conciliación. Trátase dun eido fundamental na nosa sociedade e como tal, merece un servizo de calidade e actual, acorde ás necesidades do século XXI’, finalizaron ambos.