Reunión Feijóo – Formoso para tratar a viabilidade das Pontes

2 minutes read
  • O titular da Xunta reuniuse este luns co presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes de García Rodríguez, Valentín González Formoso.

Fronte á ruptura enerxética e ao peche abrupto da central térmica das Pontes, o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde do concello, Valentín González Formoso, defenderon este luns unha transición enerxética xusta e ordenada que garanta a viabilidade da central e o futuro da comarca e das 750 familias afectadas.

“O que queremos é compartir esta preocupación”, dixo o presidente da Xunta, tras a reunión co alcalde, incidindo en que o Goberno central e Endesa teñen que garantir o funcionamento dunha planta que cumpre con toda a normativa e que Europa non obriga a pechar.

Declaracións de Feijóo tras a xuntanza.

Sobre este punto, ambos trasladaron a necesidade de buscar outra materia prima que se poida empregar na central para, paulatinamente, ir diminuíndo as toneladas de carbón por outros combustibles e as necesidades das políticas fiscais. Ademais de demandar a incorporación de Galicia aos fondos europeos que, a partir de 2021, estarán á disposición dos países para reindustrializar aquelas zonas que se vexan afectadas pola transición enerxética como sería o caso das Pontes.

Así mesmo, e ante a suba do prezo da tonelada de emisión de CO2, ambos coincidiron na necesidade de que o Goberno central leve a cabo medidas fiscais que permitan a baixada doutros impostos que gravan á central para que a conta de resultados sexa viable e mentres se traballa na transición enerxética.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico pediu aplicar a coherencia. “Trátase de ser coherente cos compromisos en materia de descarbonización que ten España; cos compromisos de emisións cero que ten a Comunidade no seu proxecto de cambio climático, aprobado no Consello da Xunta o pasado xoves; co compromiso coas 750 familias; e co compromiso con Endesa que levou a cabo un investimento de máis de 200 millóns de euros para que esta central cumprise coas emisións de CO2 que esixe a Unión Europea”, aseverou, incidindo en que esta planta pode ser operativa 100% porque cumpre as ratios de emisións de CO2.

Por último, Feijóo e Valentín González abordaron tamén a necesidade da creación dunha mesa técnica entre administracións e a empresa para validar o cambio de modelo cara á transición enerxética.