O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron unha xuntanza coa asociación dos propietarios das vivendas próximas ao ámbito do futuro novo Hospital público da Coruña.
Nese encontro, os representantes autonómicos garantiron que a Administración traballará para minimizar as afeccións de forma compatible coa funcionalidade do novo hospital, e que os expropiados recibirán compensacións xustas, de acordo cos procedementos legalmente establecidos.
Explicaron que o proxecto de construción do ‘Novo CHUAC’ se atopa actualmente na súa etapa inicial, tras a recente adxudicación e sinatura do contrato para a redacción do proxecto e dirección das obras. Polo tanto, o que existe polo de agora é unha proposta coherente co recollido no Plan funcional.
Tal e como se informou aos representantes dos propietarios, nos vindeiros meses o avance dos traballos permitirá concretar o ámbito preciso da ocupación do futuro Hospital público da Coruña.
No marco dese proceso está previsto que a mediados de 2022 se abra un proceso de información pública, no que os propietarios do terreos afectados poderán presentar alegacións e suxestións. Ademais, os representantes da Xunta se comprometeron a trasladarlles información sobre o progreso dos traballos.
Así mesmo, informaron de que a lexislación prevé diferentes mecanismos para que os propietarios dos terreos que sexa necesario expropiar reciban as compensacións xustas pola ocupación, coa posibilidade do mutuo acordo coa Administración ou a intervención do Xurado de Expropiación, que establece o xustiprezo, entre outras fórmulas.
O convenio asinado entre a Xunta e o Concello da Coruña prevé que a Administración local achegue ata 12 M€ para o financiamento dos terreos necesarios para a construción do novo Hospital público.