Reunión para preparar a modificación da RPT do Consorcio Provincial Contraincendios

Cedida.

O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emerxencias da Deputación da Coruña, Blas García, participou na sede da institución provincial nunha reunión cos representantes do comité de empresa dos bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña. No encontro participaron tamén o xerente do Consorcio, José Luis Barca, e a interventora, Graciela Riveiro.

Trátase dunha reunión previa á constitución da comisión de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que debe levarse a cabo tras o cambio á xestión directa do servizo de bombeiros e na que, ademáis dos propios representantes dos traballadores, estarán representadas as administracións implicadas: Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.

“Esta é a primeira de moitas reunións que temos que ir facendo nun proceso que se vai a levar a cabo nas tres provincias que xa optamos pola xestión directa das emerxencias: A Coruña, Lugo e Pontevedra e que queremos facer de forma consensuada e coordinada”, afirmou García.

“Somos conscientes de que este proceso vai a levar tempo e que temos que facelo con calma, con toda a predisposición para sacalo adiante de forma coordinada e da mellor maneira posible”, afirmou o presidente do comité de empresa.