Rexeitada a iniciativa do BNG para realizar unha actuación de rexeneración no porto de Laxe

Porto de Laxe_Turismo Laxe; Fotografía: Miguel Muñiz

O BNG pedía dúas cousas na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia: a primeira, executar dentro deste ano unha actuación de rexeneración para devolver á praia de Laxe o seu perfil orixinario, e a segunda, instar a Xunta e ao Goberno do Estado a traballar de xeito coordinado para buscar unha solución técnica definitiva a un problema que, na súa opinión, é moi grave, posto que afecta á seguridade marítima. As propostas foron rexeitadas, o PP votou en contra e o PSOE abstívose.

O deputado do BNG Daniel Pérez explicou que a orixe do problema está nas obras apresuradas, improvisadas e carentes de informes de impacto ambiental de construción do dique que se realizaron no ano 1998, e que mudaron o perfil da praia e as correntes do porto, ademais de provocar a sedimentación da area na dársena, reducindo o calado. A acumulación de area na zona do paseo afecta á actividade turística, pero o máis importante é que provoca inundacións reiteradas e dificulta as manobras no porto, co conseguinte risco.

Para Daniel Pérez resultou “indignante” o debate na Comisión 8ª, á que, por certo, o deputado do PP pola Costa da Morte nin sequera asistiu. “Os políticos estamos para algo máis que premer un botón ou reproducir informes técnicos que nos pasa a consellería de quenda. Págannos (e moi ben) para intentar mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas. Ou polo menos para intentalo. Por iso, dende o BNG seguiremos apertando para que Xunta e Estado adopten unha solución definitiva para o problema do porto de Laxe”.